Un equipo da USC desenvolve un videoxogo para achegarnos á ciencia

martes, 25 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

Son tempos de gamificación, e que ninguén se estrañe se as contribucións a este eido (a adaptación a múltiples procesos de divulgación e adestramento das metodoloxías propias dos videoxogos) van a máis con cada ano que pasa. Ten cabida o coñecemento científico neste gamificar? A resposta que nos chega hoxe dende a USC é un si rotundo. Alí, un equipo de investigadores está a desenvolver un videoxogos para achegar a ciencia a todo tipo de público. A fórmula: combinar os retos que lle son propios a certas aventuras dixitais con coñecementos.
Segundo informa a USC, os responsábeis da proposta xa acadaron o apoio da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT). O xogo coñécese como MatHex (FisiHex, BioHex, QuimiHex …) juego, estrategia y conocimientos e a investigadora principal é a profesora Elena Vázquez Abal.
A iniciativa artéllase por materias, onde cada unha delas terá un videoxogo de seu, malia que nesta fase do desenvolvemento, a primeira, as matemáticas (o bloque MatHex) constitúan a cerna do mesmo. Vázquez Abal informou de que a dificultade poderá axustarse a todas as idades, dende a nenez até a Universidade, ou para un público xeral.
A un nivel máis concreto, o xogo alicérzase sobre un taboleiro constituído por hexágonos, ao estilo do xogo mesa Hex, combinado con preguntas. A profesora salienta como punto a destacar a tipoloxía destas cuestións, “que mesturan dun xeito ameno e coloquial diversas temáticas”. No caso particular das matemáticas, versarán sobre xeometría, operacións, historia, arte, sentido común e unha porcentaxe dedicada a mulleres matemáticas. Ademais, cada pregunta leva consigo a súa explicación.
Completan o equipo do proxecto José Carlos Díaz Ramos e Víctor Sanmartín López, polo Departamento de Matemáticas da USC, e Esteban Calviño Louzao, profesor de educación secundaria. Os avances que experimente o proxecto poderanse consultar na súa web,

PUBLICIDADE