Unha tese salienta os beneficios de aplicar Realidade Aumentada nos estudos de Enfermaría na USC

mércores, 3 de abril do 2024 S. P.

Hai varios anos a Facultade de Enfermaría da Universidade de Santiago de Compostela comezou a empregar a chamada Realidade Aumentada, o conxunto de tecnoloxías que permiten que unha persoa visualice imaxes do mundo real a través dun dispositivo que integra contidos dixitais como datos ou imaxes complementarias. Dende a Facultade de Enfermaría da USC esta RA era empregada de xeito experimental e o resultado do traballo realizado desde o curso 2019/2020 vén de ser analizado polo profesor dese centro Carlos Rodríguez Abad na súa tese Impacto de la realidad aumentada en la adquisición de competencias del grado de Enfermería.
Indo ao miolo desta investigación, dicir que foi dirixida pola profesora da Facultade de Enfermaría Raquel Rodríguez González (pois foi nese centro onde se desenvolveu a experiencia co estudantado) e pola profesora da Facultade de Ciencias da Educación Josefa del Carmen Fernández de la Iglesia (pois neste centro deseñouse a estratexia e estableceuse a mellor maneira de levala á práctica).
As experiencias coa RA na Facultade de Enfermaría comezaron co estudo das úlceras de extremidade inferior, o tipo máis común de feridas crónicas, que “constitúen un grave problema de saúde a nivel mundial”, segundo indica o profesor Rodríguez Abad, quen lembra que se agarda “un marcado incremento da prevalencia nos vindeiros anos que pode constituír unha ameaza para a saúde pública e tensionar os sistemas de saúde que terán que asumir un sobrecusto importante derivado da atención aos pacientes que as presentan”. Unha metodoloxía docente baseada na Realidade Aumentada perfilouse como a máis axeitada para a aprendizaxe da valoración e tratamento destas úlceras, pois é “unha ferramenta tecnolóxica prometedora naqueles casos onde se necesite unha visión tridimensional ou inmersión na práctica”.
A aplicación das tecnoloxías de Realidade Aumentada para a abordaxe das úlceras de extremidade inferior realizouse mediante o emprego de tabletas e teléfonos móbiles intelixentes e recentemente tamén se ampliou o seu uso para a aprendizaxe da electrofisioloxía cardíaca e electocardiografía. Carlos Rodríguez Abad constata que existen “dificultades técnicas para desenvolver materiais docentes”, polo que este tipo de tecnoloxías non se empregan aínda de maneira masiva, pero nos casos nos que si se fai “os resultados son prometedores” e lógrase “maior rendemento académico, niveis máis altos de motivación na aprendizaxe do alumnado, traballo máis autónomo e unha maior atención ás explicacións”.
Engadir que, dende hai pouco, a Facultade de Enfermaría compostelá conta cunha sala de simulación na que se recrearon escenarios coma a atención de doentes nos servizos de Urxencias ou na súa reanimación, o que incrementa as posibilidades de empregar as novas tecnoloxías para obter mellores resultados de aprendizaxe.

PUBLICIDADE