Preto de medio centenar de empresarios suramericanos visitaron a Cidade das TIC

mércores, 3 de abril do 2024 S. P.

Este luns 1 de abril máis de 40 empresarios suramericanos visitaron a Cidade das TIC no marco dunha misión europea organizada por Schneider Electric xunto con Startup Galicia, destinada a “coñecer o ecosistema emprendedor e tecnolóxico de Galicia”. Durante o encontro presentouse o proxecto de transformación da antiga Fábrica de Armas da Coruña, agora convertida en centro de coñecemento e emprendemento tecnolóxico, ademais de celebrarse dúas mesas redondas onde se tratou como se innova desde Galicia e a situación na que se atopa o ecosistema innovador galego.
Os empresarios que visitaron a Cidade das TIC proviñan de Arxentina, Colombia, Chile e Uruguai, que acudiron con representantes de importantes empresas galegas de tecnoloxía. Estes empresarios, pertencentes a compañías referentes na distribución de produtos electrónicos, centros loxísticos e tableristas eléctricos, foron recibidos ás 16.00 na Cidade das TIC polo director do complexo tecnolóxico, Alfonso Martínez. A cita comezou cunha benvida, trala que se realizou unha presentación do proxecto. A continuación, celebráronse dúas mesas redondas nas que se abordaron temas clave.
Na primeira destas mesas, titulada Como innovamos desde Galicia para o mundo, participaron Laureano Otero, director de Produto e Operacións da empresa galega Teimas; Xoel Vázquez, director executivo (CEO) e fundador de Xoia; e Javier García, responsábel de Desenvolvemento de Negocio de Noukee, coa moderación a cargo de Aroa Ruzo Garcia, vicepresidenta de Schneider Electric para América do Sur.
A segunda mesa, adicada ao Ecosistema Innovador Galego, contou coa participación de representantes de asociacións clave no ecosistema galego como Startup Galicia e Hub IN. O encontro terminou cunha visita ao Instituto Galego de Tecnoloxía, onde os asistentes puideron coñecer de preto as capacidades deste instituto e coñecer o hangar de drons exterior e interior.
Nun ambiente de “colaboración e aprendizaxe mutua”, empresas como Teimas, Noukee e Xoia compartiron as súas experiencias e innovacións, destacando o potencial e a relevancia do ecosistema empresarial galego.
En palabras de Carmen Pumariño de Startup Galicia, asociación impulsora do evento, “esta visita permite fortalecer lazos comerciais entre rexións así como abrir o noso ecosistema e poder mostrar a empresarios de América do Sur non só as capacidades, medios e tecnoloxía, senón, tamén, o espírito innovador e emprendedor que caracteriza a Galicia no ámbito tecnolóxico”.

PUBLICIDADE