Un enxeñeiro de Lugo presenta en Barcelona un aplicación para impulsar a TV interactiva

martes, 22 de febreiro do 2011 Redacción

Ignacio Sánchez, enxeñeiro de Lugo, participou os días pasados na feira Mobile World Congress de Barcelona, unha das máis importantes a nivel internacional no que se refire a dar conta da vangarda tecnolóxica en dispositivos móbiles. A participación do novo desenvolvedor galego non se limitou a informarse destas innovación, senón a achegar el mesmo o seu propio gran de area: un sistema para ver a televisión no trebello de cada quen. Segundo informa estes días La Voz, non se trataría dunha televisión calquera, xa que polo feito de vir a través do móbil e por unha chea de aplicacións postas en xogo (aplicacións para fomentar o interactivo) deberiamos falar máis ben de televisión social.
Máis polo miúdo, o sistema inclúe un chat integrado e recursos para tirarlle partido a redes sociais como Facebook e Twitter. Así llo conta Sánchez ao xornal galego: “Podes ver canles de todo o mundo en calquera lugar, en tódalas linguas, habilitar unha listaxe de favoritos, facer comentarios, etc”. Ao seu xuízo, estariamos a falar da televisión que vén, un tipo de comunicación audiovisual que seguirá o ronsel da Internet 2.0 e pasará de convocar a espectadores pasivos para requirir a presenza dunha audiencia activa que contribúa á súa construción e ao seu desenvolvemento mesmo.
A aplicación da que estamos a falar é un recurso de balde para iPhone, iPad, Android e Windows Phone 7.

PUBLICIDADE