Un dos fundadores de Facebook considera perigoso o excesivo poder da compañía

xoves, 9 de maio do 2019 Marcus Fernández

Fotografía coa que The New York Times ilustra o distanciamento entre Mark Zuckerberg e Chris Hughes

Christopher Hughes, un dos compañeiros de cuarto de Mark Zuckerberg en Harvard, cofundador de Facebook e unha peza chave na campaña que levou a Obama á presidencia dos EE.UU., está de máxima actualidade pola publicación dun artigo de opinión no The New York Times no que insta a fragmentar Facebook, por considerar que a compañía e o propio Zuckerberg teñen un poder excesivo, polo que asegura que o goberno dos EE.UU. ten que rachar o monopolio de Facebook e pór normas para que a compañía renda contas ante o pobo estadounidense.
Hughes non só considera preciso que Facebook, Instagram e WhatsApp volvan ser independentes, senón que tamén cre preciso algún mecanismo que vixíe aos xigantes da Internet, o que podería comezar aprobando nos EE.UU. medidas semellantes ao Regulamento Xeral de Protección de Datos que temos en Europa.
O artigo de Hughes é moi revelador, xa que parece deixar claro que os escándalos aos que Facebook tennos xa afeitos serían consecuencia directa do liderado de Mark Zuckerberg, chegando estas acusacións nun momento crítico, no que é inminente a publicación de posibles sancións por valor de milleiros de dólares a Facebook polo escándalo de Cambridge Analytica tras un proceso no que a compañía está a buscar a toda costa que determinen responsabilidades a título individual de Zuckerberg (existe o ruxerruxe de que a empresa está a ultimar un acordo amigable para que Zuckerberg non teña que responder persoalmente do desleixo de Facebook no tratamento dos datos dos seus usuarios).

PUBLICIDADE