Un curso contribuirá á dinamización da lectura dixital a través das bibliotecas galegas

luns, 28 de maio do 2012 Redacción

Para aproveitar o potencial dos novos soportes electrónicos e da web social a Secretaría Xeral de Cultura programa un curso para dar a coñecer novas ferramentas e experiencias prácticas de dinamización da lectura dixital entre o persoal da Rede de Bibliotecas de Galicia.
A Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, acolle entre hoxe e mañá a realización desta iniciativa, na que o alumnado terá a posibilidade de coñecer os novos soportes de lectura, así como recursos e experiencias prácticas para impulsar a alfabetización dos usuarios e usuarias das bibliotecas na lectura dixital. A coordinadora da Área de Promoción da Lectura no Centro Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, Elisa Yuste, é a encargada de impartir este curso, no que tamén se analizan as necesidades de lectura entre as franxas poboación máis novas.
Os contidos do curso estrutúranse en catro grandes apartados. En primeiro lugar, abórdanse os novos soportes de lectura, tanto no referente aos dispositivos como aos contidos, e ofrécense pautas para a súa análise e selección. En segundo lugar, inclúense contidos sobre os ámbitos web na promoción da lectura, desde o punto de vista da información e da comunicación, así como da interacción e da creación de contidos. En terceiro lugar, presentaranse exemplos de iniciativas de interese arredor de webs de autores e obras, de clubs na nube e de xogos en liña. Finalmente, analizaranse as características e niveis de comprensión lectora do público infantil e xuvenil, así como a súa satisfacción e apropiación de dispositivos.

PUBLICIDADE