Un colexio xaponés empregue consolas Nintendo DS para a aprendizaxe do inglés

venres, 4 de xullo do 2008 Marcus Fernández

Moitos colexios restrinxen o uso de trebellos coma móbiles ou consolas de videoxogos por parte dos seus alumnos, pero no Tokyo Joshi Gakuen decidiron facer o contrario, e están a facer uso da Nintendo DS como ferramenta para o aprendizaxe do inglés, tanto para adquirir vocabulario como para mellorar a comprensión oral.
A directora da escola, Junko Tatsumi, asegura que «os estudantes se concentran realmente e se divirten á vez que adquirir coñecementos como a ortografía». Demostran así que aprender inglés non ten por qué ser aburrido, e este tipo de experiencias poderían trasladarse no futuro a outras áreas do ensino (lembremos que tamén hai xogos matemáticos para a DS), aínda que dende Nintendo aseguran que o número de consolas vendidas a escolas é moi reducido.
Lembremos que estes títulos educativos para a Nintendo DS non están limitados ao mercado nipón, e en España tamén se poden adquirir xogos para mellorar a nosa ortografía en español, inglés e francés, así como outras habilidades, pois a DS demostrou ser un dispositivo moi axeitado para títulos educativos, así como para o revolucionario xénero de adestramento cerebral que continúa a xerar moitas vendas.

PUBLICIDADE