Un colexio galego, primeiro en España en reforzar o seu proxecto educativo cunha plataforma de edutubers

venres, 8 de outubro do 2021 S. P.

O Colexio Internacional Marcote, con sedes en Vigo e Mondariz, será o primeiro no territorio estatal que reforce o seu proxecto educativo a través da plataforma Edutono, unha contorna tecnolóxica de formación na que xa traballan algúns dos principais edutubers do ámbito da fala hispana.
A ferramenta implantarase no presente curso escolar. A implantación forma parte dun intenso proceso de transformación docente (nos formatos, nos contidos) impulsado pola dirección do centro e materializado na recente creación dun campus tecnolóxico de seu en Cabral.
“Estamos a vivir etapas importantes no noso centro e a incorporación de Edutono, unha plataforma innovadora e pioneira no actual panorama educativo, permitiranos continuar avanzando en ofrecer ás familias unha educación de excelencia”, sinalou Manuel Rodríguez Novoa, director do Colexio, engadindo que un dos obxectivos deste proxecto é, tamén, contribuír a regular a calidade dos contidos: “As nenas e nenos acceden a Internet sen control e sen habilidades e coñecementos para discernir entre a realidade e a falsidade do que ven, sendo expostos moitas veces a contidos inadecuados debido a un algoritmo que non discrimina de forma eficaz á hora de lanzar información adecuada á súa idade, problema derivado da ausencia de educación na competencia dixital”.
Pola súa banda, Paula Rodríguez responsábel do Departamento de Orientación da Institución Educativa Aceimar, da que depende o Colexio Marcote, mostra a súa satisfacción pola adhesión do centro a “proxectos como Edutono, unha aplicación que vai máis aló de trasladar a aula aos fogares, con contidos pedagóxicos e didácticos seleccionados con sumo coidado polos seus edutubers segundo o currículo oficial”.
Múltiples funcións
Edutono é unha plataforma con formatos de aplicación móbil e para Smart TV, baseada na Intelixencia Artificial (que recomenda contido segundo as necesidades, o progreso e os intereses do usuario) e moi envorcada en estender os horizontes do labor docente (o alumnado leva as súas clases favoritas no seu teléfono móbil, mesmo ao fogar, onde pode acceder a elas a través da súa Smart TV). En palabras do seus creadores, “Edutono é unha ferramenta ideal para coñecer e aprender a coñecer, para poder seleccionar e aprender a seleccionar, constitúe unha ferramenta ideal para quen adoita a ir máis aló da propia formación académica e unha estupenda aplicación para axudar aos nenos a desenvolver a súa competencia dixital con contidos de calidade”.

PUBLICIDADE