Un cento de profesionais participaron na xornada de introdución a DevOps organizada polo CPEIG

venres, 7 de xullo do 2017 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia organizou o pasado 29 de xuño unha xeira de traballo destinada a espallar coñecemento arredor do emprego da tecnoloxía de contedores. A xornada, que contou co patrocinio de HPE e a colaboración de ABANCA, contou coa presenza dun cento de persoas. Celebrouse en Santiago e, en palabras do CPEIG, resultou un “novo éxito de convocatoria” do colexio, que, para quen non o saiba, está mergullado esta tempada na celebración dos seus dez anos de andaina. A xornada Introdución a DevOps, uso de microservizos e tecnoloxías de contedores achegou unha manchea de claves sobre un tema que, en palabras do CPEIG, “resulta de máxima actualidade para o sector TI”.
O presidente do colexio, Fernando Suárez Lorenzo, abriu o foro reivindicando a relevancia de DevOps como un “movemento cultural e profesional que prima a comunicación, a colaboración e a integración entre os desenvolvedores de software e os operadores de sistemas de IT”. Suárez mencionou tamén dos retos e oportunidades que se xeran ao redor das innovadoras tecnoloxías de contedores, que “lles axudan ás empresas e ás administracións a ser máis áxiles, competitivas e aliñarse rapidamente coa nova mentalidade dixital”.
Erik van Ommeren, analista da empresa Gartner, abriu a quenda das intervencións co tema Design thinking and Innovation., No seu relatorio analizou os factores para o éxito con DevOps: enfoque empresarial, cambio cultural, mellora continua, desenvolvemento áxil e automatización. Tamén fixo fincapé nun elemento imprescindíbel para o cambio sexa efectivo: que este debe atinxir a toda a organización, non só aos departamentos tecnolóxicos, e que cómpre traballar en conxunto.
A continuación, o director executivo de Torusware, Guillermo López, introduciu os asistentes ao “concepto DevOps” e afondou nos porqués do compoñente “axilizador” dos contedores. Tamén dixo que DevOps representa” unha nova filosofía baseada na comunicación e na colaboración, así como na innovación continua e na axilidade”.
Pola súa banda, Ramón Gordillo, arquitecto de solucións de Red Hat, abordou o relatorio DevOps, contedores e aplicacións cloud nativas, e o category manager de HPE, Pablo Ráez, explicou as vantaxes da infraestrutura como código para contornas DevOps.
O encontro finalizou coa mesa redonda Aplicación e uso de DevOps e tecnoloxías de contedores na empresa e administración. Moderada por Guillermo López, participaron no debate Miguel Ares, de Altia; Antonio Bueno Iglesias, do SERGAS; Fernando Suárez, da AMTEGA e José Otero, de Gradiant.

PUBLICIDADE