Un centenar de profesionais e directivos participaron nas xornadas virtuais de R sobre transformación

venres, 11 de xuño do 2021 S. P.

A operadora R vén de pór remate a unha feira profesional virtual destinada a achegar ás empresas sobre tendencias e infraestruturas TIC. O encontro desenvolveuse no edificio virtual de R e do Grupo Euskaltel, The Tech Experience, punto de encontro para a reflexión sobre o universo dixital e oportunidades para os negocios. Participaron, dende o luns, especialistas en transformación de Fortinet, Vmware, Cisco, Microsoft e Citrix, a través dunha serie de encontros interactivos cos responsábeis das empresas asistentes (virtualmente). Abordaron temas como a seguridade para a evolucióin dixital, as comunicacións converxentes ou a experiencia de usuario. A feira celebrouse baixo o seguinte epígrafe: Semana das tendencias TIC do futuro: unha sesión, unha solución, unha tendencia.
Durante as cinco xornadas sumáronse ás sesións dos/das especialistas preto dun centenar de profesionais e responsábeis de compañías diversas, que puideron participar activamente expondo as súas dúbidas e inquietudes sobre a realidade da empresa dixital. A feira clausurouse este venres 11 pola mañá.
Os cinco grandes protagonistas, amais das empresas asistentes ás actividades, foron Fortinet, Vmware, Cisco, Microsoft e Citrix. Eses cinco grandes “actores” a nivel mundial das Tecnoloxías da Información (TIC) puideron explicar, de primeira man, os desafíos que están por vir e onde están a facer eles os seus principais esforzos e desenvolvementos.
O formato, como dixemos, foi o de feira virtual, onde se realiza unha viaxe automática a través do edificio ata chegar ao posto do fabricante que lle interesa ao/á profesional visitante; posteriormente, este/a pode quedar neste espazo para coñecer outros postos ou zonas.
R optou, desta volta, por un formato virtual que “leva ao límite o concepto de axilidade e fluidez das intervencións, con sesións rápidas duns 30 minutos, artellando módulos didácticos interactivos”.

PUBLICIDADE