Compostela acollerá un seminario sobre transformación dixital e intelixencia artificial na educación

venres, 15 de marzo do 2024 Redacción

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, e o secretario xeral da Organización de Estados Iberoamericanos (OEI), Mariano Jabonero, asinaron esta mañá en Madrid un acordo de colaboración para planificar accións conxuntas na promoción de programas de innovación educativa.
Ao abeiro desta cooperación, a Xunta e a OEI organizarán en Santiago de Compostela neste 2024 un seminario iberoamericano sobre transformación dixital e Intelixencia Artificial na educación, con expertos e personalidades destacadas do ámbito educativo e empresarial. O obxectivo é a mellora das competencias dixitais de toda a comunidade educativa para responder axeitadamente ao contexto dixitalizado global.
Román Rodríguez destacou a importancia deste evento internacional “para continuar fortalecendo as competencias profesionais docentes en todo o relativo ao imparable proceso de transformación dixital que estamos a vivir”. “A Xunta de Galicia ten en marcha a Estratexia de Educación Dixital 2030 para, precisamente, mellorar as capacidades dixitais da comunidade educativa, con actuacións para alumnos, profesores, familias e centros, que inclúen desde a dotación de equipamentos ata a formación, imprescindible neste contexto no que cada día xorden novos desafíos”, explicou.
“Agardamos que este encontro marque un novo fito no traballo que desde os centros se está a facer para integrar na práctica educativa a Intelixencia Artificial e as novas ferramentas dixitais”, afirmou o conselleiro en funcións.
Previamente, unha delegación do Goberno galego visitará a sede da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos en París, co obxectivo de manter unha reunión co equipo de educación e definir cuestións de importancia no proceso de traballo a favor da transformación dixital en educación. Ademais, froito da celebración do seminario, elaborarase un informe sobre Intelixencia Artificial en educación, o seu desenvolvemento e posibles aplicacións.

PUBLICIDADE