A Atriga estrea aplicación para móbiles

venres, 15 de marzo do 2024 Redacción

A Xunta de Galicia vén de pór en marcha unha aplicación para dispositivos móbiles que permitirá á cidadanía acceder de forma áxil aos servizos da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga). Neste momento, está dispoñible para iOS e nos vindeiros días xa estará tamén para Android.
A aplicación está dispoñible en galego e en castelán e inclúe servizos de acceso libre e outros que requiren acreditar a identificación do usuario. Esta identificación pode realizarse mediante a Chave365, o certificado electrónico ou o DNI electrónico (polo momento estes dous últimos só estarán dispoñibles para Android).

Servizos dispoñibles

A través desta nova aplicación móbil e sen necesidade de identificarse, as persoas interesadas poden realizar unha solicitude de cita (tamén consultala, anulala ou modificala) para ser atendido de xeito presencial. O sistema de cita é opcional para a cidadanía e permite garantir a hora e o día no que se lle vaia a atender.
Tamén permite realizar o pago de taxas e prezos, multas e sancións a través de tarxeta bancaria ou da plataforma Bizum. Ademais, pódense consultar as oficinas de presentación da Atriga (cos datos de contacto); consultar as entidades colaboradoras coa Axencia; ou verificar documentos por CSV (Código Seguro de Verificación), tanto de xeito manual como a través da captura do código de barra do documento coa cámara do dispositivo móbil.
Por outra banda, a cidadanía tamén poderá, previa identificación, consultar e realizar o pagamento de débedas notificadas pola Atriga mediante tarxeta ou Bizum; ou obter os certificados de estar ao corrente de débedas coa Xunta e de ser ou non declarantes do Imposto de Patrimonio, necesarios para obter axudas, subvencións ou participar en procesos de contratación.
Esta nova aplicación, que irá ampliando os servizos dispoñibles, enmárcanse nas actuacións desenvolvidas pola Atriga para reforzar e avanzar na información e simplificar a asistencia a toda a cidadanía. Trátase en definitiva, de facilitar o cumprimento das súas obrigas tributarias, evitando os desprazamentos e co conseguinte aforro de tempo e custos na realización dos trámites tributarios.

PUBLICIDADE