Un bo número de investigadores dos nosos campus xuntáronse nunha xornada sobre cultura dixital

venres, 22 de abril do 2022 S. P.

A transición tecnolóxica na cultura e o patrimonio centrou a xornada Cultura Dixital: capacidades, retos e oportunidades no Sistema Ciencia-Tecnoloxía de Galicia celebrada este venres 22 no auditorio do Edificio Fontán da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. O encontro, organizado polo Campus Innova da Universidade da Coruña, en colaboración da Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo (CRUSOE) e o Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas e Culturais (CISPAC), reuniu a un amplo grupo de investigadores das tres universidades galegas.
Tamén xuntou aos directores do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) do CSIC e do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).
Ao longo da mañá, presentáronse as liñas de investigación e proxectos relacionados coa transición dixital na cultura e o patrimonio nos que se están a traballar nos principais centros de investigación de Galicia.
Amais, a xornada contou na súa conferencia inaugural coa participación de Sander Münster, profesor de Humanidades Dixitais na Universidad Friedrich Schiller de Jena (Alemaña). Sander Münster afondou nas tendencias e desafíos actuais do emprego das tecnoloxías 3D para a investigación e a educación en humanidades e presentou as perspectivas de investigación e as actividades da máquina do tempo da Unión Europea e os proxectos anteriores e en curso da súa cátedra.
O encontro puxo de relevo as capacidades do sistema Ciencia-Tecnoloxía de Galicia en temas como os videoxogos, a lingua, a cartografía, a visualización de datos ou a historia contemporánea, entre moitos outros, e afondou na identificación dos retos e oportunidades aos que facer fronte.
O encontro foi clausurado polo reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso; o vicerreitor de Política Científica da Universidade de Santiago de Compostela, Vicente Pérez Muñuzuri; a directora da Área de Administración Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), María José García Sexto; e o secretario xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro.

PUBLICIDADE