Un ataque a prol dun sistema social máis xusto deixa sen servizo a web do Congreso

xoves, 25 de abril do 2013 Fernando Sarasketa

Os ataques informáticos soben o nivel de incidencia e o alcance mediático. Se hai uns días falabamos das incidencias dixitais, premeditadas e alleas, sufridas pola Universidade de Vigo, agora é a quenda da páxina web do Congreso dos Deputados, que foi obxecto hoxe dun ataque informático que conseguiu deixala inutilizada. Ou sexa, sen servizo e, coloquialmente falando, feita un farrapo. Con todo, cómpre marcar as diferenzas. O ataque, desta volta, non se debe á reivindicación do Sáhara para Marrocos (como no caso do recibido pola institución galega) senón a unha causa infinitamente máis defendíbel: a busca dun sistema político e económico máis xusto (o obxectivo principal da Plataforma en Pé, que tiña o punto de mira posto no día de hoxe, 25-A).
Segundo confirmaron fontes parlamentarias, a través de EFE, milleiros de computadores tentaron conectarse de xeito simultáneo á páxina do Congreso, cousa que colapsou o servidor e remata por facer imposíbel calquera tipo de acceso á web. O ataque en cuestión é do tipo ataque por denegación de servizo (DDoS). Ou sexa, que do que se trata é do devandito: de actuar de xeito conxunto lanzando numerosas peticións a un servidor que aloxa unha páxina web, de xeito que o servizo de hosting non pode soportar a carga de peticións e fica suspendido.

PUBLICIDADE