Un asistente facilita a creación de aplicacións para a Ovi Store

martes, 4 de maio do 2010 Marcus Fernández

Tras sinxelos pasos o Ovi App Wizard permite remitir á Ovi Store os nosos fluxos RSS convertidos en aplicacións móbiles

As tendas de aplicacións para dispositivos móbiles están en guerra para ver cal é capaz de achegar máis contidos aos seus usuarios, e para potenciar a Ovi Store temos agora unha aplicación baseada en web chamada Ovi App Wizard, e que permite mediante un sinxelo asistente a creación de aplicacións sen coñecementos de programación.
As aplicacións creadas teñen que seguir un estrito patrón que consistiría na lectura de ata 3 fontes RSS, a carga de logotipos, a elección de cores e a achega de datos descritivos, que unha vez completados poden remitirse directamente á Ovi Store para a súa validación sen ter que compilar ningún tipo de aplicación en local, e concretándose nunha aplicación móbil que achega os contidos dunha páxina web, blog ou mesmo Twitter dun xeito cómodo e doado a moitos terminais de Nokia.
Esta ferramenta non fará que a Ovi Store vaia superar o éxito da App Store de Apple, pero de seguro que suporá un pulo á creación de aplicación para terminais de Nokia no que a volume se refire (pois está claro que non suporá ningunha revolución que engada un forte atractivo á Ovi Store).


Demostración do funcionamento do Ovi App Wizard

PUBLICIDADE