Un Xeoportal fará accesible a información territorial de Galicia e Norte de Portugal

martes, 1 de marzo do 2011 Redacción

Este luns o director xeral de Sostibilidade e Paisaxe, Manuel Borobio, que presentou xunto co secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, un proxecto de cooperación transfronteriza na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, en asociación co Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, que ten como obxectivo definir un modelo para a planificación e xestión territorial da Eurorrexión, denominado Desourb, que conta cun orzamento de algo máis de 1,5 millóns de euros, do que o 75% é financiado polo fondo estrutural FEDER.
Entre os obxectivos deste proxecto destaca a posta en marcha dun instrumento novo que porá a disposición dos interesados a información detallada de todo o territorio da Eurorrexión. Deste xeito, toda a información territorial susceptible de ser representada (estradas, entidades de poboación, usos do solo ou espazos protexidos por exemplo) estará contida nunha ferramenta, o Xeoportal, que permitirá mellorar a toma de decisións en materia de planificación territorial sostible.
A Xunta de Galicia entende este proxecto como o medio e a oportunidade para facer máis real a proposta que xa se formulou coas Directrices de ordenación do territorio (DOT) e o Plan de ordenación do litoral (POL), a xestión dinámica da planificación e das actuacións territoriais. Esta xestión dinámica non é outra cousa que a monitorización do territorio ao longo do tempo, e dunha forma transparente e áxil, para poder avaliar se as propostas de planificación e estratexias postas para a sustentabilidade territorial (DOT e POL), acadan os seus obxectivos. O acceso e a xestión da información, no seu senso máis global, será posible a través do Xeoportal e a súa xestión continua no tempo permitirá que os instrumentos de planificación e as actuacións sexan coherentes coa evolución da realidade ambiental, social e económica.

PUBLICIDADE