Un Kit de Activación Dixital achegará ferramentas para o desenvolvemento de proxectos creativos

luns, 22 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

Para atender á demanda por parte de docentes, centros culturais, activistas, servizos sociais, traballadores de bibliotecas e moitos outros profesionais de ferramentas para desenvolver iniciativas centradas na creación e distribución de contidos elaborados polos seus participantes grazas ás posibilidades do actual contorno dixital, dende Coruña Dixital decidiron preparar un Kit de Activación Dixital no que recollen elementos necesarios para gañar coñecementos, superar eivas e aprender a desenvolver proxectos educativos, divulgativos, culturais ou sociais.
O Kit de Coruña Dixital estará dispoñible para o público a partires do 3 de febreiro, data na que se celebrará un acto no que farase un percorrido didáctico pola páxina web do proxecto e no que os asistentes coñecerán de primeira man as experiencias que recolle a plataforma, coa posibilidade de participar nunha conversa aberta para resolver dúbidas e aprender máis.
O mencionado acto terá lugar de 11:00 a 13:30 horas no Quiosco Alfonso, e contará coa presenza de Sergio Lago, coordinador de Coruña Dixital (e desta iniciativa), Roi Guitián e María Lobo (Gingko) e Cristina de la Torre (La Mujer Forzuda), que son os responsables do desenvolvemento dos contidos do proxecto.
Os interesados en participar no encontro poden xa inscribirse a través de Ticketea.

PUBLICIDADE