Uber quere recuncar no ámbito estatal co servizo UberX

venres, 22 de xaneiro do 2016 Redacción

Se ben o servizo Uber cesou a súa actividade en España hai algo máis de un ano (tal foi a presión de transportistas, taxistas e institucións xudiciais para que a plataforma para compartir vehículos entre particulares liscase do ámbito estatal), semella que vai haber novas tentativas de afianzamento. Porén, serán tentativas en toda regra alternativas e diferentes ás orixinais, xa que a empresa estadounidense quere implantar o seu servizo UberX.
Este servizo caracterízase por implicar condutores con licenza VTC (a que regula os vehículos con condutor). Lonxe ficarán en tempos en que se tentaba mobilizar a condutores sen licenza. Por certo que o servizo UberX xa está operativo en países como Francia e Reino Unido e todo indica a que podería ser viábel en España tamén.
O xeito de operar é o seguinte: máis que ante un servizo para compartirmos vehículo botando man das novas tecnoloxías (unha alternativa ao desprazamento tradicional, o individual e o feito a través de taxis e autobuses), estaremos ante unha comunidade comercial de choferes acreditados e usuarios. As viaxes xestionaranse a través de reservas vía móbil, con acceso ás fichas-historiais dos condutores. O prezo mínimo podería roldar os cinco euros, ficando Uber unha comisión do 25% para os choferes e empresas que tiren partido da súa plataforma.

PUBLICIDADE