Uber adquire parte da tecnoloxía de mapas de Microsoft

martes, 30 de xuño do 2015 Marcus Fernández

A ampliación das liñas de negocio de Uber fai que a súa dependencia da tecnoloxía de mapas de Google puidese supor un perigo, polo que levan meses explorando a compra doutras solucións, e finalmente dende TechCrunch confirman que a compañía coñecida polos seus servizos de coches compartidos e taxis tería adquirido activos de Microsoft Bing, así como preto dun cento de empregados da compañía de Redmond para así poder pór en marcha unha solución de mapas de seu.
Microsoft e Uber non deron detalles sobre a operación, que a nivel económico sería pouco relevante, sendo máis importante a transferencia tecnolóxica e de talento, encaixando o último na actual política de reestruturación de Microsoft, que está a vivir unha época de grandes cambios na que busca centrarse nos seus puntos fortes, deixando lastre no camiño (entre os que están a verse principalmente afectados os elementos arrastrados coa adquisición da división móbil de Nokia).
Ao parecer, Uber tería adquirido unha grande colección de imaxes (aéreas, tridimensionais e a vista de rúa) do servizo de mapas de Bing, que xunto cos enxeñeiros contratados podería supor unha próxima renovación dos seus servizos para conseguir un funcionamento o máis independente posible de potenciais competidores.

PUBLICIDADE