UVigo, FEGAMP e Xunta presentan o Portal de Transparencia dos concellos

luns, 5 de marzo do 2018 Fernando Sarasketa

Intre da presentación do portal, celebrada a comezos deste mes de marzoHoxe presentouse unha nova ferramenta web de comunicación que nos colle moi de preto como cidadáns e, tamén, como usuarios dos recursos tecnolóxicos postos en marcha ao abeiro do que se coñece como Administración Electrónica. Estamos a falar do Portal de Transparencia dos concellos galegos, unha iniciativa encamiñada a fornecernos de información pormenorizada sobre o funcionamento das administracións locais da nosa terra, “desde as declaracións de bens dos alcaldes e concelleiros, até información sobre as subvencións, seguimento das tramitacións en liña, etc”. O portal foi dado a coñecer polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alfredo García, e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato.
A plataforma activarase en breve contando coa presenza activa dunha trintena de concellos. Segundo se fixo saber hoxe, o prognóstico é que de maneira progresiva poidan embarcarse no proxecto máis administracións locais.
Alfonso Rueda explicou que coa posta en marcha deste Portal de Transparencia “dáse un paso máis para seguir avanzando no incremento da transparencia nas administración locais galegas”. E engadiu: “O obxectivo é que o número de consistorios que colga a súa información na web vaia aumentando pouco a pouco”.
Pola súa banda o reitor vigués, Salustiano Mato, salientou a relevancia de avanzar na cooperación Universidade-Administración, co fin de “favorecer unhas boas políticas públicas”. García Rodríguez insistiu na necesidade de que as institucións públicas cumpran cos criterios de transparencia e puxo o foco no fundamental que é seguir activando axudas e recursos que faciliten ás administracións locais seguir traballando nesta liña.
Na cita de hoxe tamén participou Concepción Campos, co-directora da Rede Localis, unha equipa de traballo formada por docentes e investigadores universitarios e profesionais que traballan no ámbito local e que está xestionada polo grupo de investigación Gen da Universidade de Vigo. Precisamente, o grupo Gen foi o organismo encargado de diagnosticar o estado de espallamento e cumprimento da normativa de transparencia dos concellos, documento que serviu de base para elaborar a Guía de transparencia local, un recurso de utilidade para facilitar aos concellos o cumprimento das súas obrigas en transparencia e ofrecer aos seus veciños e veciñas toda a información que precisan. No acto de hoxe, amais do Portal de Transparencia, tamén se procedeu a presentar a dita guía, un roteiro que nos dota de recursos (aos cidadáns) para coñecer as obrigas legais dos Concellos e os nosos dereitos para estar axeitadamente informados en todo intre.

PUBLICIDADE