UCGAL pide máis debate ao abeiro da lei de protección dos dereitos dixitais

luns, 16 de xullo do 2018 Redacción

O Proxecto Lei de Protección de Datos para abordar os dereitos dixitais que están incluídos nas dúas emendas do PSOE sobre liberdade de expresión e dereito ao esquecemento están a xerar polémica. Sen ir máis lonxe, a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), a Asociación de Internautas (AI) e a Asociación pro Dereitos Civís, Económicos e Sociais (ADECES) veñen de pedir a súa retirada e de expresar a súa “preocupación pola instrumentalización da tramitación do proxecto”.
Amais do seu desbotamento, tamén solicitan que se abra un debate sobre os citados dereitos, unha fonda análise colectiva que achegue os mellores precedentes e alicerces para calquera regulación posterior.
As tres asociacións consideran “un erro” sustentar a veracidade informativa (e con ela a eliminación dos contidos dixitais) na “previa queixa ou aviso”, unha queixa ou aviso que de vir dunha persoa ou ente interesado, podería ser a orixe de conflitos e problemas relacionados cos piares básicos da liberdade da información. Segundo engaden, “este proceder traslada o poder desde os responsábeis dos medios dixitais aos afectados pola información”, co que se lles estaría dando a estes a capacidade de “neutralizar calquera contido informativo”. En base a isto, engaden, ábrese un proceso que desnaturalizaría o propio dereito á información. As entidades tamén explican que este dereito non se pode subordinar a protocolos do devandito carácter, ou á Lei de Protección de Datos.

PUBLICIDADE