Twitter prohibirá a publicidade electoral

xoves, 31 de outubro do 2019 Marcus Fernández

Nas últimas semanas causou bastante rebumbio o feito de que Facebook recoñecese que non impediría anuncios políticos baseados en falsidades, ou sexa, que volvía abrir a porta á desinformación antes dunha campaña electoral nos EE.UU., causando un grande malestar, xa que esta plataforma non para de reforzar a súa imaxe de inimiga da democracia, xa que permite prácticas prohibidas en calquera canle informativa tradicional.
Dende Facebook aseguran que permiten a impunidade dos políticos porque queren darlles liberdade para que sexan os cidadáns os que decidan o que crer, pero este argumento é moi feble, xa que o razoable para evitar tal situación sería simplemente prohibir a propaganda política, ou sexa, que os partidos políticos non puidesen pagar para promover contidos que busquen dirixir o voto do electorado nin manipular a opinión pública, o que claramente evitaría moitos problemas de imaxe e non suporía un grande quebranto económico, xa que a publicidade electoral é unha porcentaxe moi cativa da publicidade en xeral.
Para continuar a empeorar a imaxe de Facebook temos agora a Jack Dorsey, un dos fundadores de Twitter, anunciando que van impedir toda a publicidade política en Twitter de xeito global, asegurando que cren que «o alcance político debe gañarse, non mercarse», ou sexa, que os cidadáns son libres de elixir a que políticos e formacións seguir, pero a publicidade pode entremeterse en tal liberdade, achegando mensaxes políticas pagadas. Dorsey recoñece que loitar contra a desinformación é demasiado complexo, pero o mínimo que poden facer é limitar o tipo de publicidade que poden realizar os candidatos políticos, especialmente nun marco regulatorio que non recolle as posibilidades actuais da Rede, de aí que inste a que se lexisle para que os políticos xoguen limpo na Internet.
As normas de Twitter que recollerán a prohibición da publicidade política publicarase o vindeiro 15 de novembro e entrará en vigor o 22 de novembro, para permitir que os anunciantes actuais poidan adaptarse a este novo marco.
Dorsey remata o seu comunicado aseguran que este tema non ten nada que ver coa liberdade de expresión, xa que a publicidade non afecta ao que se di, senón ao alcance conseguido mediante pagamento.
Dende a dirección de campaña de Donald Trump critican a prohibición da propaganda política en Twitter, asegurando que é «outro intento de silenciar aos conservadores» salientando que «Twitter sabe que o presidente Trump ten o programa en liña máis sofisticado nunca visto» e obviando que a prohibición afecta a todos os partidos políticos, e non só aos conservadores.

PUBLICIDADE