Twitter padece a terceira caída dende o pasado venres

martes, 19 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

Durante moito tempo os fallos en Twitter por saturación eran algo habitual, aparecendo en pantalla unha mensaxe de erro cunha balea alcumada fail whale, pero tras unha grande reestruturación dos servidores a cousa parecía ter quedado no pasado, e nos últimos estamos a ver con demasiada frecuencia ao robot que substituíu á balea, hai un lustro, e que era un descoñecido para moitos até agora.
Resulta que Twitter experimentou importantes caídas globais o pasado venres, onte e hoxe, o que poderiamos considerar como unha caída ao día (laboral), segundo podemos ver no blog no que recollen as incidencias, e en ningunha das tres incidencias deron detalles do que acontecía, de xeito que tanto pode ser un problema de mantemento, unha avaría ou un ataque, o que resulta un tanto preocupante, xa que ante incidencias tan frecuentes cómpre certo nivel de transparencia.
Cando a fail whale era algo habitual non tiña tanta importancia, xa que Twitter era un lugar de conversa, pero agora funciona en grande medida como unha canle informativa, polo que as caídas teñen repercusións máis serias, de aí a preocupación por este tipo de fallos do servizo, que pechan a interacción social de medios de comunicación e dificultan que os usuarios gocen da información de última hora á que esta plataforma os ten afeitos.

Nos últimos días rexistráronse 3 caídas globais de Twitter

ACTUALIZACIÓN: Finalmente Twitter recoñece que os problemas de acceso foron consecuencia dun fallo de programación no código da súa plataforma.

PUBLICIDADE