Twitter non consegue afastarse da polémica

luns, 10 de abril do 2023 Marcus Fernández

Semana a semana o caos non para de medrar en Twitter, e tras o cambio de identificación dos selos de verificación das contas de usuario (que agora non diferencias a usuario relevantes de subscritores de Twitter Blue) e o cambio temporal do logotipo da Twitter pola imaxe dun cadelo Shiba Inu (que representa á criptomoeda dogecoin), chegaron novas polémicas durante a Semana Santa, como o peche da API de balde de Twitter sen informar axeitadamente aos desenvolvedores e incluso deixando de lado a compañías que estaban dispostas a pagar por acceder á nova API de pagamento, pero que agora non poden operar porque se desactivou a API anterior antes de ter subministrado o acceso á nova API ás empresas que o solicitaron.
A cantidade de aplicacións que deixaron de funcionar por culpa do peche sen aviso da API de balde de Twitter é bastante importante, afectando a WordPress, Echobox, Flipboard, Social Bearing, vMix Social (ferramenta que empregan algúns programas de televisión para amosar chíos en pantalla durante as súas emisións), Feedly e outras. Algunha das compañías xa está en vías de solucionar o incidente, pero a problemática podería terse evitado en moitos casos advertindo con antelación aos afectados e atendendo as súas demandas de acceso á nova API antes de pecharlles a billa da anterior.

Bloqueo a Substack

Por se todo isto non fose grave dabondo, nos últimos días dende Twitter comezaron a restrinxir as interaccións con Substack, comentándose que sería unha represalia ante unha nova funcionalidade desa plataforma que podería competir con Twitter, situación que creou un grande malestar entre os usuarios (especialmente nos EE.UU.), levando incluso a Elon Musk a defenderse asegurando a que era mentira o bloqueo das ligazóns a Substack (cando calquera usuario podía comprobar en primeira persoa que Musk non dicía a verdade) e lanzar acusacións falsas contra Substack. Por fortuna, durante a xornada do domingo Twitter levantou o bloqueo contra Substack, pero deixando claro unha vez máis que o xeito de proceder de Twitter ten moi pouco que ver co prometido por Musk cando anunciou a compra da compañía.

Etiquetado incorrecto dos medios públicos

Nos últimos días Twitter tamén mudou a etiqueta que figura debaixo do nome de usuario de distintos medios públicos, describíndoos como «medio de comunicación financiado por un Goberno», contradicindo o propio centro de axuda de Twitter, onde indican claramente que a BBC no Reino Unido e a NPR nos EE.UU. non serían «medios afiliados ao Estado».
A etiqueta que agora atribúen a varios medios públicos pretende advertir aos usuarios de que están ante un medio de dubidosa credibilidade en certos temas, xa que atendería a intereses políticos, pero dende a BBC están a protestar enerxicamente ante o feito de que reciban tal tratamento, pois lembran que nin sequera reciben financiamento público, xa que o seu financiamento provén directamente dunha taxa que pagan os cidadáns, permitindo así que o medio poidan funcionar con independencia dos poderes políticos.
Dende a NPR tamén protestaron ante o feito de que os definisen como medios financiados polo Goberno, asegurando que apenas un 1% do seu orzamento procede de fondos públicos, polo que non serían un caso de medio propagandístico como RT (canle de novas financiada por Rusia).

Máis problemas e polémicas

Pero nas últimas horas resulta difícil saber se Elon Musk está a ter un comportamento especialmente errático sen motivo ou o que busca é desviar a atención dos moitos problemas técnicos que está a padecer Twitter. Temos, por exemplo, o caso da conta de Twitter de SB Nation, medio deportivo que desapareceu de Twitter durante unha semana sen que ninguén puidese dar unha explicación; ou o caso da actriz porno Riley Reid, con 2,3 millóns de seareiros, a quen roubaron a conta de Twitter (posiblemente empregando un duplicado da SIM do seu móbil) para publicar mensaxes de odio moi duras, que pese a ser denunciadas non se borraron até que o escándalo chegou aos medios de comunicación; ou a constatación de que os Círculos de Twitter están a fallar, ou sexa, que certos chíos destinados a que só os vexa un grupo reducido de amigos aparezan visibles para usuarios que non deberían poder velos.
Nesta caótica situación Elon Musk está a facer tolerías como pintar de branco a W do logotipo de compañía na sede de San Francisco para facer a broma de que agora se chama Titter; ou incluso rachar as normas das contas verificadas de Twitter e mudar o seu nome na plataforma polo de Harry Bōlz, asegurando logo que é unha das vantaxes de ser parte da organización da plataforma (e dando a entender que o fixo para avergoñar aos medios de comunicación que informen desa nimiedade). En calquera caso Musk non para de buscar a polémica nun momento no que Twitter padece unha importante crise de reputación e serios problemas para manter os seus sistemas funcionando dun xeito fiable.

PUBLICIDADE