Twitter négase a eliminar as contas de usuario que fomentan a anorexia e a bulimia

xoves, 8 de setembro do 2011 Marcus Fernández

O Ministerio de Sanidade publicou a través de Twitter que a compañía detrás desta plataforma social negouse á súa petición de bloquear perfís que fomentan a anorexia e a bulimia «para preservar a liberdade de expresión», ao que engadiron que buscarán o apoio da Unión Europea para afrontar de xeito conxunto o problema do fomento da anorexia nas redes sociais á vez que seguirán instando ao público a que lle notifiquen os perfís que consideren que fomentan a anorexia/bulimia para remitirllos con certa periodicidade a Twitter.
A petición de Sanidade formalizouse a través da Unidade de Delitos Telemáticos da Garda Civil, respondendo a unha iniciativa cidadá, pois durante o verán recibiron multitude de mensaxes en Twitter nos que pedían medidas para evitar a proliferación de tuiteos favorables á anorexia. Cómpre destacar que este tipo de mensaxes non constitúen delito, polo que a autoridades non poden tomar medidas efectivas contra tal práctica, e pedir a autorregulación das plataformas sociais tampouco parece moi razoable, pois parece verse como un acto de censura que pode prexudicalas.

PUBLICIDADE