Twitter mellora radicalmente a súa aplicación móbil para Windows Phone

martes, 26 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

Se algo proliferan en dispositivos móbiles son aplicacións cliente para Twitter, ante as moitas deficiencias da súa aplicación oficial para cada plataforma, pero hoxe produciuse un importante salto para ferramenta para Windows Phone, que chega á súa versión 2.0 cun redeseño e a incorporación de numerosas prestacións novas, que fan que o sistema operativo móbil de Microsoft poida gozar dun digno cliente de Twitter de balde.
A nova versión de Twitter para Windows Phone distribúe os contidos en 4 lapelas como noutras plataformas móbiles: Inicio amosa a cronoloxía de chíos que seguimos (permitindo espallalos para ver máis contido como fotografías e vídeos); Conecta amosa mencións, novos seguidores e cando outro usuario fai rechíos ou marca como favorito algún dos nosos chíos; Descobre amosa tendencias, permite explorar categorías, buscar amigos e mesmo realiza suxestións doutras contas a seguir; e Conta amosa os nosos datos en Twititer, facilitando o acceso ás mensaxes directas, listaxes, favoritos e outros datos.
A aplicación conta na súa parte inferior cunha barra con botóns para escribir un chío ou realizar unha busca dende calquera lugar da aplicación; e como outra novidade importante, tamén soporta baldosas activas ou Live tiles, permitindo fixar no menú de inicio accesos rápidos á páxina de inicio, unha conta de Twitter en concreto, listaxes e mesmo buscas. En Windows Phone 8 en concreto a aplicación tamén ten acceso á pantalla de desbloqueo, o que resulta bastante práctico para coñecer o estado de Twitter dun xeito áxil.
Pero esta non é a única aplicación móbil que lanzou Twitter estes días, senón que onte mesmo anunciou o seu propio cliente para Firefox OS, de xeito que a tenda de aplicacións do sistema operativo móbil de Mozilla permitirá instalar unha aplicación de Twitter moi semellante á do resto de plataformas móbiles.

PUBLICIDADE