Twitter mellora o seu sistema de mensaxería privada

xoves, 8 de setembro do 2016 Marcus Fernández

O sistema de mensaxería directa de Twitter continúa a evolucionar, e finalmente anuncian que será máis dinámico grazas á incorporación de confirmacións de lectura, indicadores de escritura en curso e vistas previas das ligazóns, na liña do que tamén fan outras aplicacións como WhatsApp ou Facebook Messenger.
A vista previa das ligazóns que compartamos en mensaxes directas é algo moi práctico, de xeito que non será preciso premer sobre unha ligazón para saber o que imos atopar no outro extremo, de xeito que só picaremos nos contidos que sexan realmente do noso interese; pero o aspecto que chama máis a atención é o das confirmacións de lectura e os indicadores de escritura en curso, xa que son prestacións máis propias dos chats en tempo real, o que indicaría un certo cambio de rumbo desta ferramenta. Iso si, para evitar problemas (lembremos o malestar inicial causado polo dobre check azul no WhatsApp) as confirmacións de lectura poderán activarse/desactivarse dende a sección de privacidade de Twitter. Aínda que esta funcionalidade rexistra tanto a nosa actividade dende a web como nas aplicacións móbiles de Twitter para iOS e Android, só serán estas últimas as que polo momento amosen as confirmacións de lectura.

PUBLICIDADE