Twitter mellora a súa accesibilidade móbil

martes, 29 de marzo do 2016 Marcus Fernández

A accesibilidade en dispositivos móbiles é algo moi importante para as persoas con eivas visuais, pero non chega con que as aplicacións estean adaptadas, senón que os usuarios, á hora de publicar contidos na Internet, tamén temos que contribuír a mellorar a situación, para o que Twitter está a comezar a aplicar unha nova prestación que chega ás aplicacións para iOS e Android, e permite que ao compartir unha imaxe nun chío poidamos engadir unha descrición da mesma, de xeito que os usuarios que empreguen lectores de pantalla poderán escoitar ese texto para saber o que representa a imaxe que compartimos.
Mentres os chíos continúan limitados a 140 caracteres, as descricións das imaxes compartidas poden chegar até os 420 caracteres, de xeito que non resultará complicado explicar o que amosa unha imaxe que non está dispoñible para as persoas con problemas visuais, e que así poden gozar dun xeito máis completo de Twitter.
A nova funcionalidade estará presente nas miniaturas das imaxes que subamos a Twitter sempre que na configuración da aplicación indiquemos no apartado de accesibilidade que queremos compor as imaxes con descrición (sendo unha opción que podemos activar/desactivar cando desexemos), e aínda que non se prevé que vaia converterse nunha funcionalidade de uso masivo, é de agardar que si se faga en contidos dirixidos a certos colectivos ou, simplemente, no caso de entidades que coiden a súa responsabilidade social na súa presenza en liña.

PUBLICIDADE