Twitter mata a súa aplicación para macOS

luns, 19 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

A relación de Twitter con aplicacións de escritorio, tanto propias como de terceiros, nunca foi sinxela, e así, ao igual que hai un par de anos eliminou a aplicación de TweetDeck para convertela nun servizo que só está dispoñible vía web, agora anuncian que farán o mesmo con Twitter para macOS, ou sexa, que a aplicación de escritorio para os ordenadores de Apple xa non está dispoñible para a súa descarga, e dentro dun mes deixará de funcionar para os usuarios que a tivesen instalada.
Cómpre destacar que o cliente de escritorio de Twitter para Mac carecía dun grande nivel de uso (como tamén acontece coa de Windows 10), polo que foise abandonando paulatinamente, de xeito que carecía de moitas funcionalidades que si estaban presentes na súa versión web (como o soporte de mensaxes de 280 caracteres), de xeito que as opcións de Twitter estaban claras: o realizaban un grande investimento na actualización dunha aplicación irrelevante ou a eliminaban definitivamente. A decisión máis axeitada parecía clara, e finalmente foron contundentes, polo que nos vindeiros meses tampouco sorprendería que abandonasen a aplicación de Twitter para Windows 10 (que continúa a ter certo sentido, especialmente dispositivos con pantalla táctil).

PUBLICIDADE