Twitter limita temporalmente o alcance dos chíos de usuarios abusóns

xoves, 16 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

Finalmente en Twitter parecen estar a tomarse en serio o problema dos abusos na súa plataforma, e unha das súas últimas medidas parece estar a ser sorprendentemente efectiva. Consiste en que, cando detectan que un usuario pode estar a ter comportamentos que poderían enmarcarse dentro do que sería un abuso, activan un protocolo que reduce o alcance do seus chíos, e que consiste simplemente en que durante un tempo determinado (normalmente unhas poucas horas) os chíos que publique só estarán visibles para os seus seareiros, e non para o público en xeral.
Neste momento xa hai usuarios queixándose da nova medida, protestando por motivos como que só empregaron a palabra subnormal, polo que parece que moitos abusóns non son conscientes da súa propia agresividade, e do ofensivos que poden resultar os seus comentarios. Se buscamos aos usuarios que están a ofenderse polas medidas temporais adoptadas por Twitter é doado ver que utilizan linguaxe ofensiva asociada a temas sensibles, e non se trataría simplemente a bloqueos temporais polo uso de palabras específicas, senón que o sistema de Twitter chega máis aló, e para considerar que un comportamento pode ser abusivo teñen en conta numerosos factores, para que a medida contra o acoso poida resultar efectiva e non se converta nunha actuación censora.

PUBLICIDADE