Twitter inicia a eliminación do límite de lonxitude das súas mensaxes directas

mércores, 12 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Nos últimos meses Twitter incorporou algunhas innovacións semellantes, como a incrustación de chíos, e agora é a quenda de elementos menos visibles, como as mensaxes directas, que dende o seu inicio adoecían dunha carencia absurda (a limitación de mensaxes a 140 caracteres) que agora inicia a súa desaparición, de xeito que xa non hai que dividir unha frase en varias mensaxes cando se transmiten en privado, o que facilita que Twitter poida empregarse dun xeito semellante a aplicacións de mensaxería como WhatsApp ou o Messenger de Facebook.
Aínda que o límite de 140 caracteres teña moito sentido en Twitter (principalmente porque dálle un carácter distinto e áxil a esta plataforma) tal característica perdía o sentido en privado, e agora o sistema de mensaxes directas pode empregarse dun xeito máis cómodo para continuar fóra da vista do público as conversas máis persoais ou, simplemente, as comunicacións que busquen certa axilidade (pois para moitos as ferramentas como Twitter con unha excelente alternativa ao correo electrónico, que pode chegar a substituír a solucións como o WhatsApp polo simple feito de que moitos usuarios teñen Twitter no móbil, polo que reciben notificacións das mensaxes recibidas, algo que habitualmente non se fai co e-mail pola súa abundancia.
O cambio no funcionamento das mensaxes directas iníciase na versión web de Twitter, así como en TweetDeck e nas aplicacións de Twitter para Android, iOS e OS X, espallándose o cambio a nivel global de xeito progresivo, polo que tardará varias semanas en estar dispoñible en todo o mundo. Loxicamente, os que queiran gozar das mensaxes directas sen limitación de lonxitude no móbil deben procurar facerse coa última versión da aplicación de Twitter.

PUBLICIDADE