Twitter incorpora a busca de imaxes GIF e o envío privado de vídeo

mércores, 17 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

O vídeo xoga cada vez un papel máis importante no consumo en dispositivos móbiles, o que tivo como consecuencia indirecta o disparo do uso das imaxes GIF animadas, que tanto se empregan a xeito de adhesivos para expresar emocións como para ofrecer un anaco de vídeo sen son, e adaptándose a esta tendencia dende Twitter optaron por incorporar baixo a caixa de redacción de chíos e mensaxes directas un buscador de imaxes GIF para facilitar compartilas rapidamente nesta plataforma que irá incorporando paulatinamente esta prestación na súa web e nas aplicacións móbiles para iOS e Android.
As imaxes animadas que se integran en Twitter son as hospedadas en GIPHY e Riggsy, plataformas nas que están as GIF máis populares e que tamén contan con ferramentas para crear as nosas propias imaxes neste formato.
Pero esta non é a única funcionalidade que a aplicación móbil de Twitter para iOS e Android comezou a implantar nas últimas horas, senón que tamén está a activar a posibilidade de capturar e compartir vídeos dentro das mensaxes directas.

PUBLICIDADE