Twitter estrea unha aplicación musical

xoves, 18 de abril do 2013 Marcus Fernández

A aplicación de Twitter #music para iPhone está dispoñible na App Store de EE.UU., Canadá, Reino Unido, Irlanda, Australia e Nova Zelancia

Hoxe estréase oficialmente un servizo que deu moito que falar durante as últimas semanas, Twitter #music, que aproveita a plataforma de Twitter para axudar á xente a atopar música, empregando a plataforma social para conectar á xente coa música, detectar e dar visibilidade aos temas máis populares e incluso descubrir a artistas emerxentes. Esta nova ferramenta colle a actividade de Twitter dos propios artistas e dálle visibilidade, permite ver a música que eles seguen e escoitar as súas cancións e, por suposto, permite publicar chíos cos cansións.
Para poder reproducir a música Twitter #music emprega 3 fontes distintas: iTunes, Spotify e Rdio. Deste xeito, os usuarios das 2 últimas plataformas de streaming poden escoitar as cancións completas, mentres que o resto de usuarios teñen que conformarse coa mostra que figura na tenda musical de descargas de Apple.
Aínda que Twitter #music está dispoñible vía web (de xeito limitado), está pensada como aplicación para móbiles, estando xa dispoñible para iPhone e iPod Touch na App Store estadounidense, e facilitando a navegación musical a través de 5 categorías: Popular (coa música nova que é tendencia en Twitter), Emerging (cos talentos ocultos que poden descubrirse en Twitter), Suggested (con artistas dos que podes gustar), #NowPlaying (coa actividade musical das persoas ás que seguimos en Twitter) e Me (cos artistas que seguimos).
Cando nos movemos polos distintos artistas poderemos reproducir a súa música ou acceder aos seus perfís de Twitter (onde figura tanto a súa actividade ordinarios como outros artistas aos que seguen).
Oficialmente a aplicación de Twitter #music só está dispoñible para EE.UU., Canadá, Reino Unido, Irlanda, Australia e Nova Zelandia, pero está a traballarse para ampliar a súa dispoñibilidade xeográfica e para levala tamén a móbiles con Android.

PUBLICIDADE