Twitter deixa de contar os caracteres dos nomes de usuario nas respostas

xoves, 30 de marzo do 2017 Marcus Fernández

A limitación de 140 caracteres por mensaxe era un grande problema en Twitter en certas ocasións como ao citar a usuarios ou engadir ligazóns, que reducían excesivamente a lonxitude do texto efectivo, o que levou a que nos últimos tempos vísemos como numerosos elementos como os rechouchíos, as imaxes ou os vídeos pasasen a ser nativos, e non se tivesen en conta á hora de medir a lonxitude dos chíos, e a estas medidas súmase agora as respostas, de xeito que cando respondamos a un usuario en concreto a mensaxe xa non amosará o seu usuario ao comezo do texto (senón que indicaralo antes do mesmo cunha tipografía máis pequena) de xeito que os caracteres deste nome xa non contará nos 140 que cada chío ten establecido como máximo.
Esta novidade en Twitter simplifica o funcionamento da plataforma, de xeito que xa non habería confusión á hora de identificar unha resposta, xa que en moitas ocasións resultaba difícil distinguir unha cita dunha resposta (de feito, chegouse a establecer unha práctica consistente en engadir a grafía dun punto antes do nome de usuario cando apareza ao comezo dun chío para deixar claro que é unha cita e non unha resposta).
Os fíos de conversa tamén se simplificarán enormemente, xa que cada resposta non incluirá ao seu comezo unha serie de nomes de usuario, senón que presentarán unha liña na que podemos premer para coñecer o detalle dos usuarios aos que se está a responder. A comunicación tamén será máis clara ao dispoñer de máis caracteres para as mensaxes en si, de xeito que non será preciso comprimir tanto as mensaxes como até o de agora, o que en certas ocasións evitará equívocos.

PUBLICIDADE