Twitter compra TweetDeck por máis de 40 millóns de dólares

martes, 24 de maio do 2011 Marcus Fernández

TweetDeck é o cliente de escritorio de Twitter máis empregado, nunha imaxe de Bwana McCall

Distintos medios especializados en información económica están a dar conta da adquisición de TweetDeck por parte de Twitter por unha cantidade superior aos 40 millóns de dólares (parte en efectivo e parte en accións), pondo fin ás especulacións sobre esta operación que levaban escoitándose dende hai varios meses pois, ao parecer, o acordo de compra formalizouse onte.
Nos últimos tempos Twitter xa realizou outras adquisicións semellantes, como cando mercou a aplicación de pagamento Tweetie para iOS e converteuna no cliente oficial de Twitter para iPhone (pasando a ser de balde). TweetDeck, pola súa banda é o cliente de escritorio de Twitter de maior sona (contando tamén con versións móbiles, aínda que menos populares) e con esta operación Twitter estaría a fornecer a súa presenza fóra da web, o que podería supor unha serie ameaza para os desenvolvedores doutras aplicacións cliente do seu servizo (cos que xa houbo múltiples conflitos nos últimos meses).

TweetDeck tamén está presente nos móbiles (imaxe de Johan Larsson)

PUBLICIDADE