Twitter cambia o seu deseño

mércores, 15 de setembro do 2010 Marcus Fernández

O servizo de microblogging Twitter só contou con pequenos cambios na súa historia, como a creación de listaxes de usuarios ou a adopción oficial dos retuiteos, pero agora prepárase para unha renovación realmente significativa, que aplicarase paulatinamente durante as vindeiras semanas e que xa se deu a coñecer publicamente. O novo deseño de Twitter distribúe a información en paneis dun xeito que lembra á súa aplicación oficial para iPad, de xeito que cando picamos sobre un tuiteo no que haxa referencias a contido externo (coma fotografías ou vídeos en servizos coma Dailybooth, DeviantArt, Etsy, Flickr, Justin.TV, Kickstarter, Kiva, Photozou, Plixi, Twitgoo, TwitPic, Twitvid, Ustream, Vimeo, Yfrog e YouTube) este poderá verse na columna da dereita da nova web, de xeito que retense aos usuarios en Twitter. Ao facer clic sobre un tuiteo tamén amosarase información adicional relacionado co seu autor ou co tema da mensaxe, coma respostas, outras mensaxes do mesmo usuario, mapa coa ubicación do tuiteo e moito máis. Incluso será posible picar sobre un nome de usuarios para acceder a un mini perfil dos mesmos sen saír da páxina de inicio persoal. Dito doutro xeito: a páxina web de Twitter pasará a comportarse dun xeito moi semellante a múltiples aplicacións de escritorio para acceder a tal plataforma, o que podería afectar de xeito significativo ao uso destas ferramentas, que posiblemente queden relegadas a usos minoritarios por parte de usuarios avanzados, xa que a meirande parte de tuiteiros verán as súas demandas de uso satisfeitas pola nova interface que busca converter a Twitter nun sistema para o consumo de información, atendendo ao uso habitual que se fai desta plataforma.


Vídeo de presentación da nova interface de Twitter

PUBLICIDADE