Twitter advirte de que xa proba a edición de chíos

xoves, 1 de setembro do 2022 Marcus Fernández

Tras anos de reivindicacións, a opción de editar chíos en Twitter está a piques de ser unha realidade, e dende Twitter advirten de que neste momento xa é posible que atopemos algún chío editado, pois esta función está activada para algúns traballadores da compañía e, nas vindeiras semanas abriranse as probas a subscritores de Twitter Blue, de xeito que a edición de chíos converterase nunha función que veremos acotío, descoñecéndose polo momento cando chegará á totalidade de usuarios da plataforma.
A edición de chíos permitirá modificar un chío publicado anteriormente, principalmente para poder corrixir faltas ortográficas, etiquetas e erros semellantes, par ao que nas probas actuais dan un tempo de 30 minutos, e deixando pegada da edición do chío (o historial de cambios será visible), procurando evitar así o abuso desta funcionalidade.
Dende Twitter queren aproveitar as probas da edición de chíos para ver cal é o comportamento real dos usuarios ante tal novidade, analizando minuciosamente o impacto que ten a función no xeito de ler, escribir e interactuar cos chíos.

PUBLICIDADE