Twitter adapta o seu cliente nativo para Android a tablets

xoves, 10 de outubro do 2013 Marcus Fernández

Twitter conta con aplicación para Android dende hai moito tempo, e por desgraza era un grande exemplo do reducido número de aplicacións que hai optimizadas para tablets na plataforma móbil de Google, pois pasaba por alto este tipo de dispositivos, o que vai camiño de mudar, e hoxe anuncian unha nova versión de Twitter para Android que aproveita o grande espazo en pantalla que temos cando colocamos o noso tablet en panorámico, permitindo presentar chíos, conversas, tendencias e contas cun único toque, de xeito que os contidos que queiramos ampliar expandiranse no lado dereito da pantalla (permitindo tamén que as fotografías, os vídeos e os contidos da web poidan visualizarse a pantalla completa).

O novo Twitter para Android aproveitará as funcionalidades propias dos tablets de Samsung

Por desgraza, a nova versión de Twitter para Android estará limitada actualmente aos tablets de Samsung, comezando polo GALAXY Note 10.1 deste ano, chegando para outros dispositivos antes de rematar o ano. Isto é así en boa medida porque Twitter estivo a colaborar con Samsung para aproveitar as características propias dos tablets da compañía surcoreana, o que fixo posible que a nova aplicación poida facer uso de vistas multi-pantalla (Twitter pode compartir as pantalla con outra aplicación), conta cun novo widget e facilite incluso debuxar sobre imaxes valéndonos do S-Pen.

PUBLICIDADE