Turismo de Santiago incorpora á súa web as opcións Dog Friendly da capital galega

mércores, 16 de marzo do 2022 Redacción

Turismo de Santiago, entidade dependente do Concello, vén de ampliar a súa páxina web coa incorporación da sección Santiguau, un apartado no que visitantes e composteláns atoparán os hoteis e establecementos hostaleiros coa etiqueta Dog Friendly. A novidade foi presentada polo concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, que estiveron acompañados pola xornalista e cómica Sara Escudero.
Segundo o edil, "o obxectivo non é outro que dar resposta a unha demanda que cada día medra máis". Sindo Guinarte salientou a boa aceptación que tivo entre moitos establecementos a iniciativa, "sendo cada vez máis os que queren ter o selo Dog Friendly".
A xerente de Turismo de Santiago explicou que son case 25 os hoteis adheridos e preto de vinte os restaurantes e bares da cidade que permiten entrar con mascotas. Ademais, a web inclúe un espazo onde se indican onde están as zonas caninas da cidade, ou plans para un día con animais. Na sección inclúense outras opcións como residencias caninas, mesmo por horas, transportes, comercios ou praias para cans.
Sara Escudero, autora do libro El CaNino de Santiago, quixo respaldar esta nova iniciativa de Turismo de Santiago, tras a súa experiencia facendo a Ruta Xacobea co seu can. A actriz e presentadora agradeceu este tipo de accións para os turistas que sempre contan coa súa mascota á hora de viaxar.

PUBLICIDADE