Turgalicia presenta en Santiago o seu software aberto para mellorar a xestión dos nosos hoteis e pensións
martes, 17 de xullo do 2012
- Carmen Pardo presenta o software aos hostaleiros de Santiago de Compostela
Turismo de Galicia, Turgalicia, vén
de complementar a súa oferta TIC para o sector hostaleiro cun programa
encamiñado a mellorar e optimizar o día a día dos nosos pequenos establecementos
hostaleiros, programa que
xa avanzamos nesta web hai unhas semanas con motivo das primeiras xeiras de
presentación. O software, desenvolvido polo Instituto de Estudos Turísticos
(IET) salienta en boa medida polo seguinte: é libre, é de balde, é pioneiro no
panorama estatal, é compatíbel con outros sistemas e, tal e como sinalan dende
Turgalicia, é útil. Pero ademais, resulta especialmente adaptábel a todo tipo
de realidades, tal e como amosa o interese amosado na ferramenta por entidades
e organizacións do sector, que xa se puxeron en contacto co organismo galego
para procurar tirarlle partido.
A ferramenta, máis polo miúdo, xorde co obxectivo de facer o máis doado e
rendíbel posíbel o día a día dun negocio hostaleiro. No seu punto de mira están
os máis de 2.000 negocios hoteis e pensións que operan na nosa terra segundo o
Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas. A idea é achegarlles xestión
profesional, especialmente operativa, a aquelas entidades que aínda carezan de
dispositivos e recursos TIC axeitados para o seu traballo cotián. Baixo este
volume de tarefas, insírense, para facernos unha idea, labores como realizar
reservas e facturas nunha base de datos ordenada de clientes; procurar e
modificar esas reservas ou facturas apropiadamente en función das
características de cada pensión e de cada cuarto dispoñible; obter informes de
xestión e plannings semanais e/ou
mensuais de limpeza, de datos de ocupación; isto é, operacións do día a día que
afectan á carga de traballo do empresario, xerente, recepcionista, persoal de
limpeza, de todo o equipo laboral.
A
secretaria xeral para o Turismo da Xunta de Galicia, Carmen Pardo, foi a
encargada de presentar en Santiago hoxe a devandita
ferramenta. Dela salientou que grazas aos recursos que pon en xogo, os
pequenos establecementos turísticos galegos poderán ser xestionados como as
empresas fundamentais que constitúen para o tecido turístico da nosa comunidade.
Segundo dixo, neste proxecto únense dous obxectivos básicos que son a mellora
da calidade e a competividade do sector turístico e mais a mellora do sistema
de información estatística que posúe o IET de Galicia.
Na presentación do programa fixo acto de presenza, tamén, a secretaria
xeral de Estatísticas de Empresa do Instituto Nacional de Estatística, Elena
Rosa Pérez, quen destacou o seu carácter de proxecto pioneiro no Estado.
Segundo explicou despois a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo,
os obxectivos marcáronse en función dunha dobre necesidade que se detectou: “Por unha parte a precisada polo propio
sector hoteleiro de Galicia, que manifestou as dificultades que tiña á fronte
dos seus negocios para a introdución de novas tecnoloxías de xestión ante a
inexistencia dunha aplicación operativa; e pola outra a manifestada pola propia
Administración Turística, que recolleu no seu Plan de Acción do Turismo de
Galicia 2010-2013 como prioritario o apoio ás empresas na aplicación de tecnoloxías
para o propio desenvolvemento –actuación 33 das 56 que conforman o plan-“.
O software, como dixemos de acceso libre, está sendo presentado nas
principais cidades galegas aos membros do sector turístico que poderán
presenciar unha clase práctica para aprender a empregalo e aplicalo nos seus
negocios. “Os principais beneficios que
reportará aos hostaleiros serán: contar cun sistema de xestión sen realizar un
desembolso económico porque non require pago de licencias e non ter restricións
para a súa modificación, porque é un sistema de código aberto que permite ao
hostaleiro adaptar o dispositivo ás necesidades específicas da súa empresa”,
explica Turgalicia.
Ademais, engade, é un código independente do sistema operativo que
posibilita a xestión de todo o ciclo de vida da reserva, dende que o cliente
chama ata a facturación final. “É
sinxelo, áxil e intuitivo no uso, polo que se aprende axiña, e facilita a
coordinación con diferentes entidades e organismos estatísticos”, engade o
organismo galego.
O programa, ademais, ten potencial para atesourarmos datos de valor sobre
os gustos, tendencias e preferencias dos viaxeiros que cheguen á nosa terra. De
feito, en virtude da aplicación no seu seo deste software, os locais xerarán
datos sobre a dita cuestión que serán enviados tanto ao Instituto Nacional de Estatística
–semanal e mensualmente-, como á Policía Nacional, que recibirá cada entrada
nos establecementos. A recollida de información, engade Turgalicia, axustarase
xa dende o inicio aos estándares de envío de ficheiros destes dous organismos,
un método que permitirá obter datos máis fiables, previndo erros na escrita ou
na dixitalización dos datos, pois extraerá directamente a información do
sistema de xestión.