TuneUp presenta a versión 2008 do seu software optimizador de computadores vellos

mércores, 16 de xullo do 2008 Fernando Sarasketa

Se o PC, pasados uns cantos anos, non dá máis que problemas (fica cravado, colápsase, non fai o que se lle ordena, etc), o primeiro que se nos vén á cabeza é a posibilidade de trocalo por outro novo. Isto, que non é culpa nosa senón das empresas que poñen os computadores nas nosas mans, ten unha serie de consecuencias directas, entre as que atopamos as seguintes: é probable que no troco dun computador a outro algún recurso ou información se perda, e tamén é posible que o paso dun equipo a outro sexa finalmente máis custoso para as nosas economías que unha optimización dos recursos existentes. Disto, de optimizar, trata precisamente a ferramenta que está a presentar en España a casa TuneUp con sede en Alemaña: un software especialmente sinalado (segundo os seus responsables) para usuarios senior da Web (con idades que van alén dos 50 anos) e con PCs e portátiles propios con certa antigüidade relativa.
Máis polo miúdo, o sistema TuneUp, que ten xa case unha década de vida (pero que vén de ser relanzado coa súa versión 2008, que é a que se está a presentar estes días na rede española), vai encamiñado ao seguinte tipo de usuario de novas tecnoloxías: un usuario sen grandes coñecementos dos seus sistemas operativos e dos cambios dos que estes son obxecto co paso dos anos. Segundo informan os seus responsables, a idea é prolongar a operatividade dos computadores devanditos durante “longos períodos de tempo”. Para acadar isto, a ferramenta inclúe entre outros recursos o Mantemento nun Click para usuarios de Windows, que revisa e optimiza o sistema de xeito automático e mesmo ceiba ao PC, sinala a casa TuneUp, de entradas defectuosas e obsoletas e (tamén) amaña ralentizacións de velocidade de procesamento. O programa tamén bota unha man á hora de recuperar ficheiros suprimidos de xeito accidental, ou a corrixir erros no disco duro.
Neste intre, e para quen queira probar o software devandito (que, cómpre advertilo, non é aberto, e só se pode ter no ordenador a longo prazo previo pago duns 40 euros), dicirlle que está accesible en versión de balde de 30 días de proba en www.tuneup.es.

PUBLICIDADE