Trivago amosa esta semana na nosa terra diferentes técnicas para mellorar a reputación en liña dos nosos hoteis

martes, 13 de novembro do 2012 Fernando Sarasketa

Finalmente, tal e como sinalamos estes días en Código Cero, chegan á nosa terra os obradoiros de Aloxamentos Conectados, postos en marcha por Red.es e que na súa edición galega contarán coa colaboración directa da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA. Estas actividades, encamiñadas a potenciar a presenza do sector hostaleiro nas redes, contarán tamén coa colaboración de Trivago, entre outras entidades, o servizo de comparación de establecementos, que desenvolve o seu labor en liña dende 2005 e que abrangue información de primeira man de máis de medio millón de hoteis do mundo (dezaoito millóns de visitas ao mes). Trivago amosará en detalle a súa experiencia os vindeiros 13, 14 e 15 de novembro, en tres dos obradoiros galegos previstos.
En total, está a participar en en 45 sesións a nivel estatal, co obxectivo de fortalecer a ocupación do sector hostaleiro a través de diversas solucións tecnolóxicas.
Este martes 13, Trivago estará en Lugo, no edificio da Formación da Cámara de Comercio. O día 14 trasladarse á Asociación de Empresarios de Hostalería de Santiago e o xoves 15 estará en Ourense, na Confederación Empresarial local. A temática das sesións encamíñase, como dixemos, a amosar e dispoñibilizar técnicas para mellorar a reputación en liña dos hoteis e coñecer as posibilidades que os buscadores e canles de reserva dixitais lles ofrecen aos empresarios para aumentar e automatizar o seu sistema de reservas. Os hostaleiros interesados poden inscribirse xa na web de Trivago.

PUBLICIDADE