Trivago acada nun ano 1 millón de seareiros en Facebook

martes, 4 de setembro do 2012 Fernando Sarasketa

O servizo Trivago, un dos máis usados na Rede para pór uns hoteis do mundo en relación con outros (e elixir o que máis nos convén cando vaiamos de viaxe), vén de anunciar que deixou atrás a cifra de un millón de seareiros no seu perfil internacional en Facebook, unha cifra que non está mal se temos en conta que o dito espazo de seu foi aberto hai algo máis de un ano. Dende este perfil, informan fontes do servizo, compártese cos seareiros de todo o mundo un amplo abano de contidos: novas, resultados de estudos, enquisas, os obxectivos da compañía e as vantaxes que esta pon en xogo de traballarmos nela.
Ademais”, engade Trivago, “os seareiros benefícianse de moitas vantaxes extra, como o acceso exclusivo a grandes descontos en hoteis escolmados arredor de todo o mundo”. Dende a posta en marcha do espazo de seu en Facebook, Trivago levou a cabo diversos concursos entre a comunidade de usuarias e usuarios, como por exemplo trivago: agua para todos, un actividade solidaria que consistiu en doar, da man da compañía, un dólar para a ONG Charity: water (encargada de levar auga potábel aos países con menores recursos) por cada vez que alguén confirmaba a súa adhesión ao perfil. A maior parte dos seareiros do servizo en Facebook son de Italia (37%), España (11%) e Grecia (10%).

PUBLICIDADE