Triste adeus a Miguel López El Hematocrítico

luns, 27 de novembro do 2023 Marcus Fernández

Esta tarde, da man da súa parella, sóubose do pasamento de Miguel López, coruñés máis coñecido como El Hematocrítico ou simplemente Hemato, polo seu alcume en redes sociais, chegando a converterse nun dos usuarios de Twitter máis relevantes de toda España, especialmente pola súa actividade ao redor de programas de televisión como ¿Quién quiere casarse con mi hijo?, ao que marcou fondamente ao acuñar o termo tróspido, converténdose en todo un fenómeno social.
Hemato inicialmente combinou o seu traballo como profesor con outras actividades ligadas á comunicación e á literatura, acadando bastante éxito con libros como El Hematocrítico de Arte e Drama en el portal. Tal foi a pulo que colleron as súas actividades secundarias que abandonou a educación e, xunto a accións en redes sociais, podcasts e colaboracións con medios de comunicación, destacou no eido da literatura infantil con obras como Feliz Feroz, O lobo con botas ou Mi hermono, chegando o seu éxito até Corea do Sur. Nesta etapa artística Miguel López tivo unha estreita relación con Alberto Vázquez, ilustrador con 3 premios Goya polos seus traballos no mundo da animación.
Tampouco podemos esquecer a participación de Miguel López no Carballo Interplay, nos foros de debate #NeThinking na Illa de San Simón ou no Laboratorio Audiovisual de Innovación Creativa (LAIC) enmarcado no proxecto Coruña Dixital, polo que podemos consideralo un grande divulgador dos novos xeitos de comunicar nacidos no contorno dixital, de aí que non sorprendan as moitas mostras de pesar que podemos ler na Rede polo seu pasamento.

PUBLICIDADE