Trinta especialistas da comunicación debateron en Santiago sobre o futuro da prensa e o audiovisual
martes, 22 de setembro do 2009
A comunicación xa non vai ser a mesma logo da aparición
de dúas tecnoloxías definitivas: a Rede (con todo o que implica de
universalización do coñecemento) e a televisión dixital en calquera das súas
manifestacións (TDT, satélite, cable, etc). Debater acerca do que poden facer
os profesionais galegos (profesionais da comunicación en xeral, pero tamén das
novas tecnoloxías, do audiovisual e doutros sectores ligados) arredor destes
cambios foi o gran obxectivo das xornadas organizadas
este martes en Santiago pola división galega da Asociación para o Progreso
da Dirección (APD), unhas xuntanzas nas que participaron preto de trinta
expertos e nas que se abordaron temas específicos como a posta en marcha da TDT
de pago ou a polémica Lei de financiamento da RTVE.
Os encontros, desenvolvidos no Hotel Porta do Camiño,
contaron coa presenza de persoeiros procedentes da prensa e a televisión e do
eido da comunicación en xeral, como por exemplo o vicepresidente da
recentemente creada Dircom Galicia, Manuel Vázquez Sola, quen fixo fincapé no
necesario que é diferenciar hoxe en día entre xornalistas e directores de
comunicación de empresas privadas, por moito que todos eles se dediquen a
comunicar.
Para Vázquez Sola, a Sociedade do Coñecemento na que
vivimos pon en xogo certa imprecisión sobre até onde chegan uns e onde comezan
os outros. Pero cómpre non trabucarse: “Os
primeiros móvense exclusivamente no ecosistema da información mentres que os
directores de comunicación navegan entre as contas de explotación ou os cambios
tecnolóxicos”.
Todo isto pon en xaque aos xornalistas, que son
probablemente os que máis teñen que perder nestes tempos en que cada empresa,
en parte grazas á revolución comunicativa propiciada pola Rede, ten o seu medio
de comunicación en miniatura: “Ao
xeneralizarse a figura dos directores de comunicación corporativos os
xornalistas atopan meirande competencia por gañar audiencia e por conseguir que
as súas mensaxes cheguen a todos”.
As xornadas tamén contaron coa participación de
Alfonso Cabaleiro, secretario xeral de Medios da Xunta de Galicia, quen
aproveitou para afondar neste punto de inflexión comunicativo no que nos
atopamos e no moito que este cambio está a repercutir economicamente nas canles
informativas de tipo tradicional. Ao seu xuízo, a crise nos medios existe, e
non se pode deixar de lado. E máis, engadiu, tendo en conta o que sector
representa para a nosa terra, tanto no económico (o 1,17% do PIB galego) como
no social e no político (garanten, na súa opinión, a riqueza e vitalidade
democrática), cómpre que a Administración autonómica arbitre medidas e melloras
prácticas. Co obxectivo de lembrar que neste eido a maquinaria xa está en
marcha, Cabaleiro sinalou que a Xunta levará ao Parlamento seis iniciativas
durante esta lexislatura en materia de comunicación, entre elas a Lei de
publicidade institucional e as leis de audiovisual de Galicia e dos medios
audiovisuais públicos.
Outro dos temas tratados nos encontros organizados
por APD foi o do financiamento das televisión públicas, cuestión abordada en
detalle polo secretario xeral da Unión de Televisións Comerciais Asociadas
(UTECA), Jorge del Corral, e máis pola directora da TVG, Rosa Vilas, que
ofreceron puntos de vista diferentes sobre a nova lei que prohibe á RTVE emitir
publicidade (para o primeiro trátase da solución para o panorama “aterrador” do sector audiovisual
privado, e para a segunda dun elemento que fai perigar a publicidade en linguas
autóctonas como a galega).
Asemade, abordáronse nas xornadas cuestións como a
TDT e o que vai presentar a medio e longo prazo no eido da comunicación dixital
(será alternativa única ou deberá deixar sitio a outras tecnoloxías iguais de válidas?).
Ao longo da xuntanza, déronse opinións de todo tipo. Para especialistas como
Eladio Gutiérrez (presidente de Impulsa TDT ou José Luis Fernández, de Televés,
a TDT permite satisfacer todas as demandas do espectador. Pola contra, Antonio
Rodríguez (de operador galego R) cuestionou a TDT como solución definitiva, xa
que considera que o futuro da televisión non pode pasar por un medio que non
pode manter o ritmo. Ao seu xuízo, o futuro pasa por vincular a televisión con
Internet e o consumo de contidos audiovisuais baixo demanda.