Tres novos núcleos de Noia súmanse á cobertura de fibra óptica de R
venres, 6 de novembro do 2020
A
operadora galega R aumentou a cifra de fogares e negocios do concello
coruñés de Noia con posibilidade de conectarse á súa fibra óptica
FTTH (polas súas siglas en inglés, fibra até o fogar). Os núcleos
da Portela, O Pereiro de Abaixo e Rasa de Arriba xa dispoñen de
accesos ultrarrápidos a Internet de até 500 Mbps e poden desfrutar
doutros servizos avanzados de telecomunicacións grazas ás redes de
nova xeración de R. O despregue destes equipamentos levouse a cabo
“aproveitando ao máximo as infraestruturas destes lugares”.
Deste
xeito, preto de 450 novos fogares e negocios das ditas localizacións
do concello de Noia quedaron preparados para recibir os servizos
avanzados de teléfono, Internet de ata 500 Mbps simétricos e
televisión dixital multicanle de R. Segundo informou a operadora, ao
peche de ano e tras o exercicio de 2021 estaremos a falar de 870
novas residencias particulares noiesas conectadas ás súas redes de
última xeración.
O
operador galego lembra que leva anos investindo no fornecemento de
rede no dito concello coruñés, alén do Plan Avanza. Así, a día
de hoxe xa dispoñen da cobertura das redes de nova xeración de R un
total de 6.429 fogares e empresas de Noia.
Estas
e outras actuacións na provincia da Coruña forman parte dun dos
tres proxectos do Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Economía e
Empresa dos que R resultou adxudicataria en 2018 para despregar,
antes de 2021, a tecnoloxía FTTH en 512 núcleos de Galicia que non
dispoñan de alta velocidade ata o momento (“zonas brancas”).
No
desenvolvemento dos tres plans investiranse un total de 10M€, dos
cales preto de 8M€ serán subvencionados polos fondos FEDER da
Unión Europea.
En
concreto, o despregamento en Noia encádrase no proxecto destinado á
extensión de redes de nova xeración en 154 núcleos de municipios
do noroeste de Galicia (A Coruña, norte de Pontevedra e oeste de
Lugo). Para estas actuacións, cun investimento total de 2,6M€
destinarase unha axuda dos fondos FEDER de 2,09M€. Un segundo
proxecto fala igualmente do fornecemento de banda larga de nova
xeración con tecnoloxía FTTH, desta volta en 162 núcleos do
centro-oeste de Galicia (norte de Pontevedra, sur da Coruña e oeste
de Lugo). O investimento total neste caso é de 3,58M€, 2,86 deles
subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea. O terceiro dos
proxectos adxudicados desenvolverase en 196 núcleos doutros
municipios do suroeste de Galicia (Pontevedra). A cobertura nestas
zonas suporá un investimento total de 3,75M€, cunha subvención
dos fondos FEDER de máis de 3M€.