Tres investigadores da Universidade de Uzbequistán participan nunha estadía no CITIC

martes, 5 de setembro do 2023 S. P.

Carlos Gómez, membro do CITIC, convidou os investigadores Elmurod Kuriyozov, Sanatbek Matlatipov e Jaloliddin Rajabov, da Universidade Nacional de Uzbequistán nomeada en honra a Mirzo Ulugbek, a realizar unha estadía no centro desde o 20 de agosto ata o 15 de setembro. O obxectivo da visita é a asistencia a un seminario formativo organizado con motivo do proxecto no que están a traballar.
Os expertos están a desenvolver o proxecto UzUDT: Universal Dependencies Treebank and parser for natural language processing on the Uzbek Language, do cal Carlos Gómez é colaborador externo, que foi concedido á Facultade de Matemáticas Aplicadas e Tecnoloxías Intelectuais da Universidade Nacional de Uzbequistán no marco da convocatoria Modernizing Uzbekistan National Innovation System promovida polo Banco Mundial e o Goberno do país centroasiático.
O proxecto está deseñado para abordar as complexidades lingüísticas da lingua uzbeca mediante o uso do Procesamento da Linguaxe Natural (PLN). O seu traballo pretende enriquecer a comprensión da sintaxe do dito idioma ademais de facilitar e mellorar as aplicacións do PLN, contribuíndo así ao progreso das tecnoloxías lingüísticas.
Segundo explicaron fontes do CITIC, o desenvolvemento do proxecto abrangue múltiples fases, todas centradas en abordar diferentes aspectos de mellora da PLN, como ferramentas avanzadas na análise de sentimentos, recoñecemento de entidades e análises morfolóxicas. Ademais, incorpora o desenvolvemento dun UzUDT (Universal Dependency Treebank) para a lingua uzbeca. Para os investigadores é necesario incluír o UzUDT como un proxecto de código aberto, para que todo o mundo poida acceder facilmente á súa aplicación.

PUBLICIDADE