O Clúster Audiovisual Galego achega dous cursos de produción avanzada e virtual

mércores, 28 de febreiro do 2024 S. P.

Dúas novas accións formativas veñen de ser anunciadas por parte do Clúster Audiovisual Galego, trátase dos cursos: Produción avanzada para produtores. Ferramentas técnicas, económicas e legais para a dirección e coordinación de produción en cine e televisión e Produción virtual. Unreal Engine e Aximmetry en entornos de plató virtual, con 30 prazas para cada curso. O prazo de solicitude de matrícula está aberto até o día 12 de marzo.
Engadir que os ditos cursos son promovidos pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, e contan co financiamento desta consellería, do Ministerio de Educación e Formación Profesional, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e dos Fondos Next Generation da Unión Europea.
Indo aos cursos, dicir que ambos os dous son de carácter profesional e están encamiñados a traballadores en activo, desempregados rexistrados como demandantes de emprego ou autónomos. Os candidatos deben acreditar a súa condición de traballadores en activo e achegar un CV actualizado.
O curso de Produción avanzada para produtores está pensado para profesionais da produción con interese por afondar e especializarse nas áreas de dirección de produción, coordinación de produción e cost control. O curso, con carácter modular, achégase en profundidade e detalle, seguindo os parámetros do mercado actual, a cada un dos elementos clave para o desenvolvemento completo dunha produción: financiamento da obra e relación coa contabilidade empresarial; deseño e elaboración de orzamentos segundo as condición do proxecto; cost control, contabilidade e cashflow de produción; legalidade audiovisual; preparación, seguimento e xustificación de axudas públicas; e requisitos técnicos de imaxe e son relevantes para as entregas e determinantes para o fluxo de traballo da produción. A duración do curso é de 60 horas, que se impartirán en liña, do 3 ao 27 de abril, o mércores 3 e xoves 4 das 16 ás 20 horas, os venres das 16 ás 20 horas, os sábados das 10 ás 14 horas e das 16 ás 20 horas, e os domingos das 10 ás 14 horas. A solicitude de matrícula pódese realizar no formulario habilitado ou no correo formacion@clag.es.
En canto ao curso de Produción virtual, sinalar que está dirixido a profesionais audiovisuais interesados en dar o paso á xeración de contidos virtuais en tempo real e ao traballo en platós virtuais. Ao longo do curso farase un percorrido teórico-práctico polas principais características de Unreal Engine para producir contidos visuais en tempo real, tanto de maneira nativa como nun dos principais softwares broadcast, Aximmetry. Trataranse en profundidade os aspectos visuais da ferramenta e farase unha introdución ao visual scripting con Blueprints para a creación de interactividades. Este curso ten unha duración de 60 horas, que se impartirán en liña do 3 ao 26 de maio, os venres das 16 ás 20 horas, os sábados das 10 ás 14 horas e das 16 ás 20 horas, e os domingos das 10 ás 14 horas. A solicitude de matrícula pódese realizar no formulario habilitado ou no correo formacion@clag.es.
Para máis información sobre estas accións formativas (contidos, profesionais que os impartirán, etc) cómpre consultar o programa do curso de Produción avanzada para produtores ou o programa do curso de Produción virtual.

PUBLICIDADE