A UDC lidera un estudo que mostra a hostilidade machista contra a representación política nas redes

mércores, 28 de febreiro do 2024 S. P.

Un estudo baixo o título AGITATE. Asimetrías de xénero na comunicación política dixital, conclúe a importante incidencia da hostilidade dixital contra as persoas que desempeñan cargos de representación política e as connotacións machistas destes ataques.
Trátase dunha análise feita por un equipo da Universidade da Coruña formado polas profesoras Teresa Piñeiro Otero e Ana González Neira, da Facultade de Ciencias da Comunicación; Laura Castro Souto, Beatriz Pérez Sánchez, Laura Morán Fernández e Verónica Bolón Canedo, da Facultade de Informática; o docente no Máster Universitario en Políticas Sociais e Intervención Comunitaria, Adrián Gonçalves Barbosa; e as investigadoras Lucía Álvarez Crespo e María Eugenia Ambort xunto con persoal investigador da Universidade Complutense de Madrid, a Universidade de Valladolid, a Universidade Rey Juan Carlos e a Universidade de Vigo.
Indo ao proxecto, este chega á conclusión de que o xeito máis común de acoso dixital é a recepción de mensaxes odiosas, que van desde insultos até comentarios denigrantes (o 21,9% dos homes e o 34,8% das mulleres que participaron sinalan ter sido obxecto deste tipo de violencias). Outras maneiras máis organizadas de acoso, como campañas de desprestixio ou a difusión de información falsa tamén están presentes na contorna dixital política.
Cando se indaga sobre as motivación detrás destes ataques, as persoas integrantes das cámaras de representación sinalan cuestións de tipo político. Ideoloxía (60,6%), partido de pertenza (57,5%) ou posicionamento (39,4%) teñen máis peso que outros factores, como o xénero (11,9% de respostas, fundamentalmente de mulleres). No entanto, o estudo levado a cabo permitiu constatar un nesgo de xénero nestas violencias, tanto na súa manifestación como nas persoas que as exercen.
O único tipo de violencia no que observan diferenzas significativas de xénero é no acoso sexual en liña. Un 21,6% das políticas participantes afirman ter sufrido este tipo de violencia nas redes sociais, unha realidade que só experimentaron o 6,9% dos varóns.
Asemade as políticas participantes tenden a identificar os seus agresores como homes, mentres que os políticos varóns sinalan a mulleres e homes na mesma proporción.
Na súa maioría as mulleres políticas identifican a violencia en liña como diferente á que enfrontan os seus colegas varóns. Coinciden en sinalar un enfoque dos ataques cara o persoal -aspecto físico, vestimenta, preferencias sexuais, etc.- así como o uso de cualificacións que minimizan o seu papel, a súa valía política ou as cousifican. A constante exposición a presións e agresións leva ás mulleres a limitar, reformular e mesmo a desistir de participar en determinadas plataformas e debates. Unhas medidas de autoprotección que repercuten directamente nunha perda de pluralismo.
A exposición a estas hostilidades dixitais ten un impacto significativo na saúde mental das mulleres políticas.
Para afondar máis polo miúdo nestas hostilidades que sofren as mulleres en política e fomentar unha actitude crítica fronte as mesmas, o equipo de AGITATE levou a cabo o podcast homónimo, que aborda a complexidade destas violencias dixitais con expertas neste eido, así como una microformación a través de Telegram e WhatsApp, en colaboración coa entidade Ecos do Sur, co obxectivo de formar e sensibilizar ás persoas usuarias nunha actividade na rede máis consciente e comprometida.


PUBLICIDADE