Tres estudantes da UVigo vanse a China a formarse na sede de Huawei

venres, 5 de xullo do 2019 Redacción

Andrea Busto, Guillermo Barreiro e César Gabriel Márquez

Tres estudantes a Universidade de Vigo veñen de ser elixidos para formarse, in situ, na sede chinesa do xigante Huawei. Trátase de Andrea Busto, Guillermo Barreiro e César Gabriel Márquez, que veñen de acadar unha das dez prazas que ofrecía en España a convocatoria de bolsas O Futuro das TIC 2019 da multinacional chinesa.
Do 5 ao 20 de xullo participarán cos gastos cubertos nun programa formativo no que asistirán a un curso de formación en telecomunicacións e investigación tecnolóxica na sede da empresa, en Shenzhen, e a un curso de lingua e cultura chinesas en Beijing.
O programa enmárcase dentro do proxecto global de promoción do talento da compañía Seeds for the Future, que se comezou a desenvolver en España en 2013 e que nesta edición celebra a súa sétima edición. Para acadar unha das bolsas, a e os estudantes da Universidade de Vigo tiveron que presentar o seu expediente académico, o seu currículo e un vídeo no que explicaban os motivos da súa solicitude, valorándose “a orixinalidade, a creatividade, o nivel de inglés e as habilidades comunicativas” do candidato ou candidata.
Dos tres estudantes da UVigo, dous proceden da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, do Campus de Vigo, e un da Escola Superior de Enxeñaría Informática, do Campus de Ourense.

PUBLICIDADE